viernes, 30 de abril de 2010

Vol VIII

Amarelo. Lila. Laranxa. Azul. Rosa. Verde. Vermello. Mistura que transmite ledicia. Celulosa transformada en festa, en sorrisos sen razóns, soamente suxeitados pola beleza da forma, sen importar o contido, a razón ou o porqué.

Confeti coma péalos que voan sen sino, espertando admiración polo bonito da súa mensaxe baleira.

Vol VII

Coma nós saen del cando chove. Mentres, acurruchandiños agardan o momento. Protexidos e tranquilos. Con cemento e forza buscamos esa mesma seguridade, construimos pouco a pouco ese refuxio que nos coide do exterior. Ese recuncho que sexa soamente noso, nun caso de cuncha, noutro de ladrillo.

martes, 13 de abril de 2010

Vol VI

¿Quen non pecha os ollos? Sabes que é un home pequeno, pero é bonito pintar xigantes. Sssss... Escoita! É un murmurio... non si? Non! Non abras os ollos! Semella un murmurio pero é un torrente, si! Non é o regatiño sobre o branco da bañeira! Son os cabelos da cascada! Torrente, ruido, forza e paixón. Ssss... coidado coa escuma... non abras os ollos.

Gotiña a gotiña, recorrendo tubos coma ríos, fuxindo sen remedio, afundíndose no sumidoiro do río.

Vol V

E recordaba aquela tarde de raios, que doraban a pel ata diluila. Só se escoitaban os bicos da mar e os pes sobre a area, unha pisada tras outra. Lonxe de todo o demais. Unha a unha tamén, gran a gran, cunchas esmoreadas de tacto de meixela. E cheiraba a café. Café con area sabor azucre.

Miúdiños eles. Esmagallados e estrullados coa forza do mar e coa forza das mans. Doce recordo de mar en gran.

Vol IV

Bla bla bla bla, blabla, bla bla! Unha historia que acontece polos sentimentos e as emocións intrínsecos a nós. Nacemos con eles, aínda que moitas veces non sexamos quén de describilos coas verbas axeitadas. Bla, bla, bla, bla. E chegou... e foise...

Da situación vaise a escritura e da escritura ó libro. Unha cadea de representacións cada vez máis abstractas e artificiais.